martes, 8 de enero de 2008

Sobre Educación para a Cidadanía

A inclusión na LOE dun área denominada Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos provocou unha espiral de reaccións, procedentes da xerarquía eclesiástica e conservadora, nas que se afirma que esta medida, para eles unha imposición, supón un intento do Goberno por implantar un sistema co que adoutrinar ós estudantes e levalos ó lado da ideoloxía que “preconiza”.

Levamos meses vendo que estes sectores da educación, na súa maioría da man do catolicismo, organizaron diferentes plataformas para frear a súa implantación e levando ó debate o tema de relixión nas escolas si, relixión non. Por certo, que segue nas escolas polos acordos do Concordato, incumprindo o laicismo recollido na Constitución.

Esta materia non é unha imposición, senón a vontade da maioría, e podemos avanzar nos seus contidos e estrutura, insistindo que non constitúe un barullo de ideas de partido ou de Goberno. Entendemos que a ensinanza dos Dereitos Humanos debería selo como conquista da humanidade, non como un dogma. Esta é a idea que reflicten os diferentes manuais da materia.

Para nós, esta área debe buscar a formación para a información e o coñecemento, a información para a opinión, e a opinión para a participación e a crítica social. Estas son as bases sobre as que se asenta unha sociedade onde os cidadáns son responsables e tratan de traballar en torno ó diálogo, o consenso e o acordo.

Fase necesario unha materia que ensine e potencie os valores cidadáns e o seu exercicio práctico, e que potencie tamén a práctica mesma destes no aula, a través da entrada doutros actores da cidadanía, como os movementos asociativos.

Esta é a nosa posición, si á educación para a cidadanía, e estaremos dispostos a defendela ante aqueles que a etiquetan de imposición do Goberno socialista, sempre dentro das formas e regras da democracia, da limpeza do debate público, igual que seguimos reivindicando que a regulación final da ensinanza das relixións quede exenta de optativa algunha, o que reforza, de novo, o exercicio da liberdade de cada cal para formarse nos valores relixiosos que desexe.

Sabede que esta agrupación informará do contido desta materia ó longo deste ano académico, antes da entrada no plan de estudos galego, realizando unha simulación dunha clase de Educación para a Cidadanía nunha praza da Coruña.
Pablo Otero
Secretario de Educación

1 comentario:

Anónimo dijo...

Penso que a educación para a cidadanía deberá formar persoas libres e autónomas, que saiban atopar a información e ser críticos/as con ela. Contra isto nos atopamos cun gran grupo de xente que sente a liberdade e a democracia como ameazas, como un obstáculo á súa continuidade. Lembremos que estamos nun país libre, democrático e laico, i eses son os valores que debemos promulgar.