Corenta anos en termos históricos non son nada, pero sen dúbida podemos sentirnos orgullosos das conquistas que alcanzamos en España durante os últimos cinco anos. Podemos dicir que o noso país se encontra á cabeza dos que recoñecen os dereitos de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (lgtb), e, neste proceso, as mulleres e homes socialistas fomos peza clave para o seu impulso e desenvolvemento, especialmente desde o Goberno de España. Malia estes importantes avances, aínda quedan cousas por conseguir e realidades que cambiar para garantir que a liberdade e a igualdade, que a nosa Constitución proclama, sexan reais e efectivas para toda a poboación lgtb. Este ano os colectivos reivindicativos declararon o Ano da Diversidade Afectivo Sexual na Educación. É sen dúbida unha importante aposta do movemento reivindicativo, e unha necesidade social prioritaria se queremos vencer os altos índices de rexeitamento cara a esta poboación no sistema educativo que sinalan os estudos e que poñen de manifesto que os centros educativos non son espazos seguros para os adolescentes e mozos lgtb, nin para os fillos e fillas de familias homoparentais.
Queremos especialmente denunciar o acoso homofóbico e transfóbico que se produce na escola, causa de un de cada tres intentos de suicidio en mozos e adolescentes. Apostamos por unha educación que promova a diversidade sexual, e que impida a violencia e a discriminación cara os mozos e mozas lgtb, e facemos un chamamento a todas as institucións educativas a que impulsen cun meirande empeño as medidas necesarias para facer dos centros educativos espazos seguros para a diversidade, así como o cese do boicot cara os contidos de Educación para a Cidadanía e cara a propia materia que veñen realizando, neste ámbito, os sectores conservadores.
Gañar a aposta por unha escola que eduque na diversidade é gañar o futuro, porque só unha sociedade que educa na diversidade pode xestionala adecuadamente. Para iso non nos faltan instrumentos como a Lei Orgánica de Educación (LOE), que establece o respecto á diversidade afectivo sexual como un dos seus obxectivos, ou a implantación da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. É ben certo que ambos instrumentos contaron coa máis firme oposición do Partido Popular e da xerarquía da igrexa católica, polo que debemos ser tan activos na defensa e implantación efectiva desta materia e os seus contidos como o integrismo relixioso e o conservadorismo político extremo o é no seu boicot.
Queda aínda pendente na maioría das nosas sociedades o gran salto adiante na igualdade real, social e integral das persoas homosexuais, bisexuais e transexuais en todos os ámbitos: a educación, o mundo do traballo, o acceso igualitario aos bens e servizos, os medios de comunicación, a realidade rural, etc. Reivindicamos a iniciativa do noso Partido coa Lei de Igualdade de Trato e contra a Discriminación que o Goberno remitirá ás Cortes proximamente, así como os Plans de Igualdade que implementen estas políticas en todos os ámbitos sinalados. É o noso compromiso coa xustiza e coa continuidade do proxecto de dignificación da nosa sociedade levado a cabo polo Goberno e mais o Partido Socialista. Será tamén unha homenaxe a todas e todos os que nos precederon na loita pola igualdade, e a todas e todos quen, aínda hoxe, sofren violencia física ou moral, medo ou limitación imposta polas súas opcións de vida a causa do odio ignorante de quen perseguen ao amor, a liberdade e a igualdade. Non podemos esquecer que 76 países penalizan as relaciones sexuais entre persoas do mesmo sexo, e que 7 (Irán, Emiratos Árabes Unidos, Mauritania, Iemen, Nixeria, Arabia Saudí e Sudán) fano coa pena de morte. Unha vez máis denunciamos esta insostible situación e chamamos a estes países a que modifiquen as súas lexislacións e respecten os dereitos humanos das súas cidadás e cidadáns, tamén dos que sexan lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.
Non podemos deixar de lembrar neste día que o Partido Popular mantén aínda o seu recurso de inconstitucionalidade contra a Lei que posibilitou o dereito ao matrimonio para as parellas do mesmo sexo, un recurso contra a igualdade e felicidade de millóns de persoas que viven no noso país. En tanto se manteña o devandito recurso, ningunha proposta política en favor da igualdade por parte deste partido será crible, polo que facemos un chamamento ao PP a que retire dito recurso e recoñeza o dereito de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais a gozar dos seus dereitos civís, e o dereito a igual trato e consideración que o resto da cidadanía.
Corenta anos despois da revolución de Stonewall, a diversidade sexual na educación é unha tarefa prioritaria se queremos conquistar a igualdade real e efectiva. Queremos reiterar o noso agradecemento ao traballo que desenvolven miles de activistas no noso país, e recoñecer novamente a importante tarefa que desempeñan as organizacións de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, sen cuxo traballo, esforzo e compromiso, os cambios que se produciron no noso país non serían posibles.
Finalmente, o PSOE facemos un chamamento a todos os seus militantes e simpatizantes e a toda a cidadanía a participar activamente nos actos que con motivo do Orgullo se celebrarán en todos as vilas e cidades do noso país, e, especialmente, a acudir á Manifestación Estatal do Orgullo, que co lema “Escolas sen armarios” se celebrará en Madrid o vindeiro sábado 4 de xullo.
Santiago , a 28 de xuño de 2009. 40 aniversario de Stonewall.