miércoles, 30 de abril de 2008


Nun encontro satisfactorio e de acordos, Javier Losada pediulles aos veciños un traballo intenso na Comisión Local Permanente de Integración do Plan Especial para Penamoa


O alcalde mantén unha reunión de traballo cos veciños de Novo Mesoiro


O alcalde da Coruña, Javier Losada, mantivo esta tarde un encontro con representantes veciñais de Novo Mesoiro. Na reunión, o alcalde ratificoulles aos veciños que o goberno municipal non vai realizar ningunha recolocación, nin reacollemento nin recolocación de chabolistas en Novo Mesoiro. Do mesmo xeito, reiteroulles que non se utilizarán as VPA nin as VPP para ningunha recolocación.



Javier Losada, que manifestou que foi un encontro satisfactorio e no que se acadaron acordos, solicitoulles unha vez máis aos dirixentes veciñais a súa participación na Comisión Local Permanente de Integración do Plan Especial para Penamoa, da que forman parte xunto a diversas asociacións veciñais, entidades, institucións da cidade e que mañá terá unha nova reunión de traballo. Neste sentido, o alcalde pediulles un traballo intenso nesta comisión co fin de seguir garantindo a máxima transparencia e corresponsabilidade nas políticas de integración. Ademais, o alcalde insistiu na estreita e total colaboración do goberno municipal coa Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.


No encontro, que tamén contou coa presenza das concelleiras de Servizos Sociais e de Urbanismo, Silvia Longueira e Mar Barcón, respectivamente, ademais de técnicos do Concello, o alcalde expúxolles aos veciños os proxectos que están en marcha para completar os servizos e as infraestruturas do barrio de Novo Mesoiro, como o centro de saúde, a escola infantil e un centro de educación, ademais das infraestruturas sociais e deportivas que nun futuro completarán o desenvolvemento do barrio.
Ligazón:

No hay comentarios: