sábado, 5 de abril de 2008

Artigo de opinión sobre o chabolismo (VIEIROS) por Loli

Non é tema fácil falar do que está sucedendo estes días na Coruña a conta da polémica polo realoxamento dos chabolistas que viven no poboado de Penamoa, ou en Monteporreiro e O Vao. Aínda que a exposición que vén a continuación se centra no caso da Coruña podería aplicarse perfectamente ó caso pontevedrés, é unha cuestión de proximidade que escolla esa como exemplo.


Non é fácil porque chocan moitos intereses ou sentimentos, seguramente lexítimos, e tamén seguramente fundamentados de moita xente: dos chabolistas, dos veciños de Mesoiro, Eirís ou Os Rosais, do propio Concello …

Mais tamén creo que nun tema así, con toda a complexidade que ten, é necesario posicionarse, aínda a risco de non contentar a ninguén ou de recibir críticas dun ou doutro lado. Para facelo direi que case toda a miña vida vivín moi preto dun poboado chabolista de familias xitanas en Lugo, o poboado do Carqueixo, co cal, cando falo, fágoo con algún coñecemento de causa.

Teño escoitado non poucas veces a algún veciño meu dicir iso tan común de "eu non son racista pero os xitanos non os quero". E dicíao pola experiencia que el tiña con respecto a ese colectivo, e polo tanto lexitimamente. Pode que incluso, dende o seu punto de vista persoal, con razón, pois valorábaos polo que coñecía.

Tamén escoitei moitas veces iso de que "os xitanos non se integran nin de broma", cousa que entendo dende o punto de vista das persoas ás que llo teño escoitado, pero na que non coincido, cando menos expresado de tal xeito.

Pero dito iso, creo que as administracións públicas teñen a obriga de tratar todas as persoas en condicións de igualdade, sen discriminación de ningún tipo, tampouco por razón de raza. E creo que en toda esta polémica moitas veces se está caendo na discriminación dende a propia Administración.

É dicir, hai un poboado chabolista en Penamoa, que hai que desaloxar porque se van facer alí actuacións urbanísticas. Ben. O primeiro que ten que ter claro calquera Administración é que non se realoxan xitanos, realóxanse persoas, e como tal deben ser tratadas. Esta é a primeira trampa na que, dende o meu punto de vista cae a Administración, a de centrar na raza o traslado do poboado chabolista. Para os veciños serán xitanos, pero para a Administración deben ser persoas.

Poboados de transición

Direi tamén que non comparto a proposta da Vicepresidencia de facer poboados de transición, cando menos tal e como se formulou. Supoño que o obxectivo de toda Administración que teña un poboado chabolista nun municipio debe ser a da integración progresiva desas familias no contorno da cidade dende un primeiro momento, non cando non queda máis remedio. Falar de poboados de transición agora significa recoñecer que non fan ou non se fixeron ben políticas sociais, de inserción, educativas ou formativas durante todo este tempo. Digo eu que os poboados de transición terán que ser iso, de transición, dende o primeiro momento.

Dende logo, isto fíxose nalgunhas zonas da cidade da Coruña, por exemplo nas Rañas ou en Orillamar, con notable éxito por parte dos sucesivos gobernos municipais.

E outra cousa máis na que creo que nos equivocamos cando falamos deste tema, é a integración. Teño a convicción de que para nós, moitas veces, integración significa que o pobo xitano adopte as nosas tradicións e costumes, as dos paios, que loxicamente nós consideramos as mellores. Pois creo que o punto de partida é erróneo. Non se trata de que abandonen os seus costumes, senón de que todos poidamos convivir con normalidade, cada quen segundo vexa mentres non moleste ó do lado.. Todos e todas, sexa cal sexa a nosa raza, paios e xitanos, temos que respectar as leis e as normas das que nos dotamos. Considero que integrar significa respectar a legalidade e, alén diso, compartir o común e respectar o diferente E mentres iso non sexa así non haberá integración posible, porque moitas veces buscamos uniformidade, buscamos impoñer como teñen que vivir os demais, e iso é imposible e pouco respectuoso coa pluralidade coa que moitas veces se nos enche a boca.

E xa para ir rematando, podo comprender, aínda que non o comparta, o medo dalgúns veciños de Mesoiro ou doutra zona a que persoas que venden droga vaian ser os seus veciños. Paréceme unha xeralización absurda e fóra da realidade, pero podo entendela como persoa. O que xa non entendo é que isto os leve a actuar de determinados xeitos, facendo barricadas para que supostamente non entren determinadas persoas no barrio.

Racismo e discriminación

Persoas que, como moitos, entraron nunha listaxe para acceder a un piso de protección, que cumprían os requisitos, e que teñen o mesmo dereito ca eles a gozar, mentres paguen, da súa vivenda. Non creo que a mellor maneira de protestar contra unha suposta delincuencia sexa utilizar determinadas formas violentas que se usaron. Non se pode xustificar a ninguén que copia actuacións “nazis” marcando os edificios onde supostamente viven persoas de raza xitana. Aí xa non hai comprensión posible, o que ten que haber é aplicación da lei por racismo e discriminación.

E tampouco entendo que de xeito ilegal se ocupen determinadas vías como a de entrada á cidade da Coruña, provocando un caos xeralizado de tráfico e moitos inconvenientes ó resto da cidade. Son pacífica, e creo no diálogo, pero tamén creo que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado están para algo. E se alguén de maneira ilegal ocupa unha vía pública terán que actuar. Ou non o fixeron cando foron as protestas dos traballadores despedidos de Attento (aquelas si con razón) que apenas ocupaban a vía pública e cargouse igual contra eles incluso de xeito desproporcionado?

Hai xa algúns anos que vivimos en democracia, e hai determinadas actuacións que non se poden consentir. Cando se goberna hai que facelo con valentía. Hai que escoitar a todo o mundo que se manifeste con corrección ós seus posicionamentos e logo tomar a decisión máis xusta para todas as PERSOAS.

4 comentarios:

Alonso81 dijo...

Muy buen articulo...

A mi lo que no me gusta es que se generaliza, droga con gitanos,como si los payos no vendieran nada ni trapichearan, yo creo que este es un tema serio y no se está siguiendo una pauta seria y firme por parte de algunos que no están de acuerdo con el realojo. Yo no tengo información, solo la que veo y leo, pero creo que dijeron que hay una lista donde están los nombres de las personas que van vivir a esos pisos, y pregunto yo, ellos vieron que habia nombres gitanos, pero miraron si el resto de gente que va vivir alli es gente "legal"?, me explico, saben si alguno de eses(los payos) no vende droga o si no tiene antecedentes...???...por ejemplo...
Entiendo que quieran las cosas claras, pero no puedes pedir que te digan las cosas claras cuando tu no vas con la verdad por delante.
Lo que hay que intentar es buscar soluciones globales, no puede ser la de aqui no los queremos o aqui lo otro. Somos una ciudad en expansión y hay que arrimar el hombro y colaborar todos.

Esta es mi humilde opinión...

Anónimo dijo...

É evidente que a cuestión e mais o xeito de resolución do conflicto é complicado.

A nosa sociedade, moderna e democrática, non pode admitir a existencia de poboados chabolistas (bolsas de miseria e discriminación).

Deste xeito, as administracións ( Concello e Xunta) deben reacoller a estas persoas en lugares vivibles e dignos. Isto é, dispersalos pola cidade ou outros concellos para que así poidan gozar, como cidadáns, dunha vivenda e barrio digno.

Os que si que non poden obtar a esas vivendas son aqueles (xitanos, paios...quen sexa) que sexan delincuentes.

Sobre os dos poboados de transición. É certo que as actuacións de integración débense facer dende o principio, pero iso xa é imposible na nosa cidade. Deste xeito, a medida de poboados de transición é adecuada, atendendo á situación na que nos encontramos.

Loli tamén fai referencia á integración. A integración está na lei. Quen a cumpla está integrado e que non, non o está. Evidentemente as diversas culturas teñen a súa propia marxe de desenvolvemento, pero non todo é aceptable. Por exemplo, algunhas prácticas xitanas e musulmanas (discriminación, ablación de clítoris, etc, etc, que dependendo do grupo poden variar) non son aceptables en ningún caso. Aínda máis, claro que deben ter a súa propia autonomía cultural, pero canto máis parecidos ás nosas formas de vida mellor (porque son máis democráticas, respetuosas, avanzadas...).

Finalmente, xudgar a eses veciños que protestan, como racistas e xenófogos. Claro que o son, están discriminado (segundo eles "poñendo en dúbida a bondade dos xitanos que veñen ao seu barrio"). Por que non fan iso cos paios que van vivir aos seus barrios? Claro, xa comprendo, non é o mesmo vir dos Catros, de Eirís, de Montealto, da Cidade Vella, de Arteixo, de Oleiros... que de Penamoa. Lóxico, eles son os pobriños que non se lavan e que gritan ao falar...


Bernabé

Anónimo dijo...

Aclaración:

Cando me refiro a "ás nosas formas de vida", refírome ao respeto dos principios e valores das sociedades democráticas.


Bernabé

Alonso81 dijo...

También debemos aprender cosas de otras culturas, acercarnos a ellos, y en esta sociedad poco se hace...Lo mejor que puede pasar es la diversidad, que hará que nuestras vidas sean más plenas y mas llenas de sentidos y sentimientos..